Páginas

14/5/09

Aspectos formativos do baile


Este é un artigo escrito para www.baileymusica.com dende a perspectiva das escolas de bailes de salón e o mundo da competición, aínda que a escola ordinaria tamén está amplamente reflectida.
Cultivar a sensibilidade dos nenos con materias como a música, a pintura ou o baile dende pequenos non garante, pero indubidablemente favorece un clima menos tenso nas aulas, e invitan máis á reflexión, o diálogo e a tolerancia que á agresividade e o rexeitamento.
Pero a pesar de estar en pleno século XXI aínda atopámonos con estúpidos prexuízos. Fun testemuña de como todo un colexio, mesmo moitos profesores, rexeitan rapaces, explícita ou implicitamente por practicar ballet ou bailes de salón. Pero estas actitudes non proveñen dos propios nenos, senón dos seus pais e familiares, que de forma directa ou indirecta están a crear unhas actitudes nos seus fillos de rexeitamento e prexuízo reclamando certa agresividade, según moitos deles, necesaria nun mundo competitivo.
Invitaría a moitos destes pais a ver competicións de baile, onde moitos rapaces, non todos, teñen sensibilidade para o baile, non son agresivos, e iso non é óbice para que sexan extremadamente competitivos.
Outra cousa é a formación nas escolas de baile e as actitudes de moitos pais que levan aos seus fillos ás devanditas escolas.
Non é estraño atopar pais que queren que os seus fillos de 2 ou 3 anos aprendan a bailar cando case non saben andar nin teñen aínda asimilados conceptos motores básicos necesarios para o baile.
Antes dos 7 anos deben traballarse aspectos psicomotrices, con música se se quere, pero dende un punto de vista lúdico e cunha programación precisa, pero non podemos pedir que o noso neno baile con certa técnica con 5 anos, senón que antes debemos traballar os conceptos psicomotrices que nos permitirán chegar con maior facilidade á aprendizaxe da técnica de cada baile. Cando non o facemos así, vemos nenos, por exemplo, que levan asistindo a clases de baile dende os 3 anos e cando teñen 7 anos bailan cunha graza tremenda pero cun avance case nulo en 4 anos. Unha perda de tempo e de diñeiro para os pais e para os nenos.
É indubidable que a escola nos ofrece unhas amplas posibilidades formativas. No currículo escolar figuran materias de indubidable valor intrínseco para a formación humana e profesional dos nenos. Algunhas destas materias son a Educación Artística e a Música, contempladas xa dende a educación primaria. Doutra parte temos a Educación Física, tradicionalmente denominada "Ximnasia". Nestas áreas, as actividades son propicias á valoración comparativa de acordo con normas adoptadas pola sociedade. Estas normas poden afectar producindo fracaso, inseguridade, bloqueo, naqueles nenos onde a capacidade expresiva, artística ou física sexa diferente. É importante pois valorar positivamente os avances de todos os nenos, en función das súas capacidades e sensibilidades, potenciando o aspecto creativo e restrinxindo o competitivo.
En Música inténtase ensinar aos nenos os rudimentos básicos de tan nobre arte, incluíndo a aprendizaxe do uso dalgún instrumento e algunhas nocións básicas acerca de ritmo, solfeo e teoría e historia musical.
En Educación Física suponse que o neno debe aprender a desenvolverse de forma progresiva co mellor instrumento do que dispón todo ser humano: o seu propio corpo. Conceptos como orientación espacial, coordinación motora, equilibrio, esquema corporal, lateralidade, etc, deberían ser programados e estruturados de forma conveniente. Debemos pensar que o neno, aos 6-7 anos é cando xa ten uns movementos coordinados, adquire as nocións espaciais, controla a carreira, o salto e o lanzamento, distingue as nocións dereita-esquerda nel mesmo e progresa en axilidade, velocidade e equilibrio. Ademais, a esa idade existe xa unha preferencia lateral en man, perna e ollo, aínda que a noción de tempo depende aínda da velocidade.
É importante tamén ao efecto do que nos ocupa que ata os 8-9 anos o neno non adquire plenamente a conciencia dos eixes corporais.
Na maioría dos nenos o equilibrio madura en torno aos 12 anos. Hai que ter tamén en conta que aproximadamente entre os 8-10 anos o desenvolvemento cardiovascular se atopa en plena evolución, co cal haberemos de ter coidado con bailes e coreografías de grande intensidade que poden provocar taquicardias.
Dito isto, o baile pode axudar a adquirir e/ou potenciar algún destes conceptos, pero é evidente que o neno non se atopa aínda facultado para aprehender técnicas e aspectos importantes inherentes ao baile ata os 7-9 anos, sendo mesmo ata os 9-10 anos cando comezan a separar a actividade lúdica fronte á actitude do traballo.
O baile poderiamos dicir que é un compendio práctico de ambas as dúas materias: Música e Educación Física.
Logo temos outro aspecto moi importante: a formación de actitudes e valores nas escolas de baile, por desgracia, case nula.
Se dos profesores parte só o desexo de que os nenos gañen e inculcan nestes unha competitividade extrema e agresiva, chegando a establecerse rivalidades enfermizas entre escolas, estarémoslle a quitar ao baile gran parte das súas posibilidades educativas.
Débese fomentar o respecto ao compañeiro e ao outro sexo, desenvolvendo actitudes e valores positivos, facéndoos ver que o importante non é gañar, senón gozar coa música e o baile, tanto nos adestramentos coma nas competicións, facendo amigos mesmo entre os rivais máis próximos.
Claro que a todo isto non adoitan axudar moito os pais, que, en moitos casos, despois de pagar tanto diñeiro en clases, roupas, viaxes, etc (isto é tema doutro artigo) queren ter unha compensación ao efecto en forma de triunfos e subas de categoría, e con isto o único que conseguen é premer a profesores e estresar aos nenos redundando nunha formación negativa para os propios nenos.
O baile debería estar presente nas escolas dunha forma máis rotunda. Aínda que claro, posiblemente debamos esperar a que moitos adultos con prexuízos e posibles represións cambien de actitude ou dean paso a xeracións futuras que observen perplexas as enormes posibilidades educativas que ofrece o baile na escola ordinaria e que foron obviados durante tanto tempo.
Quizais deberiamos enarborar bandeiras e saír á rúa reclamando unha visión menos sexista da danza para que moitos dos nosos políticos e educadores deixasen de expresar ese sarcástico sorriso cando pronuncian a palabra BAILE.
Por Roberto Maquieira

No hay comentarios:

Publicar un comentario