Páginas

27/5/09

Chegaron os títeres


Para algúns é considerado un xénero menor ou simplemente un entretemento para os máis cativos, que entenden coma ninguén o milagre que se presenta perante os seus ollos. Nós quixemos poñer o noso gran de area e tamén darlle vida aos bonecos coas nosas propias mans e as nosas voces. Así que puxémonos mans á obra...
Escollemos dúas obras breves, xa clásicas dentro do teatro de marionetas, escritas por Umberto Eco e Javier Villafañe.

O escritor italiano ideou esta farsa eco-pacifista, titulada A bomba e o Xeneral, para denunciar a existencia de guerras inútiles e a ansia de gañar diñeiro a custa de todo, incluso de vidas humanas. Quen inicia a rebelión será un grupo de átomos que fuxen dunha bomba atómica e aos que lle dan vida: Rocío Torres (2º A), Tania Villaverde e Sandra Quintela (2º B). Os malos malísimos eran Marco Antonio Otero e Juan Carlos Míguez (2ºB) nos papeis de Xeneral e Señorón.

Javier Villafañe é un titiriteiro de renome que percorreu o sur de América latina contando historias universais de aldea en aldea a mediados do S.XX . Ás veces estas representacións eran o único entretemento que chegaba a estes lugares de cando en cando. Xan Panadeiro é a obra deste arxentino que puxemos en escea e que conta a historia dun diaño que quere quedar con todo o pan do mundo pero que non conta coa astucia de Xan, disposto a impedirllo. Brais Rodíguez (demo) e Jennifer Otero(xan panadeiro), os dous de 2º B; foron os actores desta peza clásica, chea de guiños ao público, desaparicións e humor.

Por suposto faltaban moitísimas cousas por facer ademais dos ensaios, que non foron poucos...pero contabamos con algunha axuda.
Pablo Viqueira construíu o teatro, digno de calquera grupo profesional; Susana Ferradás deseñou o atrezzo, (da Casa Rosada) fixeron as marionetas, coseron as teas e estiveron sempre dispostas a axudarnos. Por último, Xosé e Chus axudáronnos cos ensaios e déronnos algún consello e un pouco de “caña”.
E... VOILÁ!
O día 18 de Maio fixemos a estrea diante dos nosos compañeiros e a cousa non saíu mal de todo.


Xa o dicía o mesmo Lorca: “botar abaixo as paredes do teatro e que a xente disfrute do espectáculo de rúa”.......Nós fixémoslle caso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario