Páginas

17/6/09

¿Qué é bailar?



Segundo a enciclopedia libre Wikipedia:

A danza é a arte de expresarse mediante movementos do corpo ao ritmo da música.

Tamén se pode definir como a arte de expresarse mediante o movemento do corpo de xeito «estético» e a través dun ritmo, con ou sen son. Isto significa que algunhas danzas se poden interpretar sen o acompañamento da música. Pode expresar sentimentos, emocións, estados de animo, contar unha historia, servir aos deuses, etcétera.

Segundo a Real Academia Española da Lingua:

Bailar: Executar movementos compasados co corpo, brazos e pés (nota: coma se os brazos e os pés non pertencesen ao corpo...).
Baile: Cada unha das maneiras de bailar.
Danza: Acción e xeito de bailar.
Danzar: Bailar as persoas. (nota: o cal parece indicar que as persoas danzan e os demais seres vivos con corpo, brazos e pés solo bailan...).

Todos estaremos de acordo en que Wikipedia se achega máis ao que os que bailamos algunha vez entendemos por baile ou danza.

Eu quedaría con catro palabras moi importantes ao efecto: Arte, expresión, corpo, ritmo.

Efectivamente, co baile deberiamos expresar co noso corpo e seguindo o ritmo musical o que a música nos suxire.

Como toda actividade expresiva, o baile é tamén unha actividade creativa, como pode selo a literatura ou a música. Pero ao igual que un bo escritor ou un bo músico, o bailarín debe coñecer as técnicas axeitadas para poder expresar, interpretar e/ou crear.

É evidente que existen moitos afeccionados á música que compoñen "de oído" pezas aceptables que non chegan a grandes obras porque non teñen a técnica axeitada, ou moitos escritores con grandes historias pero mal escritas por non dispoñer dos recursos técnicos e estilísticos axeitados.

Co baile sucede o mesmo. Todos vimos xente que transmite coa sua expresividade e ritmo e que nunca pisaron unha academia de baile, pero por contrapartida, calquera que entenda un pouco de baile observará que é unha pena que esa persoa non dispoña de máis recursos técnicos cos que poder expresarse máis e mellor.

¿Isto quere dicir que nacemos predispostos para bailar, ou mellor dito, para danzar según a RAEL?.

A miña opinión persoal é que dende os meus tempos de universitario existe unha discusión aínda non superada en torno á influencia dos xenes e o ambiente con respecto á aprendizaxe.

Dende a miña experiencia cheguei á conclusión de que todos aqueles que tiveron a oportunidade ben de estudar música ou escoitar música dende pequenos teñen unha predisposición clara para dominar o ritmo. Tamén aqueles que practicaron na súa infancia deportes e/ou xogos que requiran certo grao de coordinación teñen unha predisposición clara para aprender os movementos do baile con máis facilidade.

Tamén aqueles que fixeron algún tipo de actividade artística e/ou expresiva na súa infancia (xogos de expresión, teatro, dramatización, interpretación...) terán máis facilidade para aprender os aspectos expresivos da danza.

Tamén é moi certo que algúns nenos (dende a miña faceta como docente) teñen certa facilidade para a aprendizaxe dalgún ou todos estes factores e isto ten tanto que ver con cuestións ambientais (nas súas casas danse condicións de aprendizaxe ideais: xogos, relacións afectivas e/ou de xogo con pais e irmáns, nivel cultural, etc...), e non especificamente xenéticas, aínda que evidentemente, estas existen, pero dende o meu punto de vista, excesivamente sobredimensionadas.

Con todo iso creo que calquera que se propoña facelo pode aprender a bailar, pero se se cumpren as condicións anteriores iso verase tremendamente facilitado.

Faime moita graza cando oio toureiros, futbolistas, actores, etc, etc... que cando lles fan entrevistas din: "... para isto hai que nacer "... ".

Hai diversas facetas do baile en función do seu uso. O baile en estilo puro é o baile lúdico expresivo, o que comúnmente se chama "baile social". É o primeiro baile que existiu e o máis divertido e popular. O home leva, a muller segue e hai unha expresión lúdica da música. A salsa, nos seus inicios, e o tango arxentino son dúas boas probas diso, así como todos os bailes populares non regulados. Aquí a muller nunca sabe o que o home vai facer. Non existen coreografías nin ningún tipo de acordo previo. É o baile na sua máis pura, xenuína e popular esencia, con moi poucas regras básicas.

Logo está o baile espectáculo, pensado para a exhibición ou a representación colectiva. Neste caso é necesaria unha coreografía e ensaios previos, posto que a pretensión é poñer de acordo a unha ou varias parellas para que executen unha serie de movementos máis ou menos complexos para o deleite dun público que paga ou non por velos. É por isto que todo debe saír ben, sen fallos e visualmente correcto e atractivo para o público. Tamén a salsa, o tango e o resto de bailes poden ser exhibidos mediante coreografías.

No baile de competición, ese baile espectáculo coreografiado e ensaiado pasa a unha pista dun pavillón deportivo ou similar onde varias parellas executan eses movementos para competir entre elas diante duns xuíces e un público que tamén paga por velos. Neste caso é curioso, pero as parellas non reciben diñeiro por desenvolver todo ese traballo de ensaio, senón que enriba deben pagar por iso.

Logo temos o baile pre-competitivo no cal se lles ensinan coreografías ás parellas para que se inicien nos bailes. O progreso é rápido porque cada un fai o seu e os conceptos técnicos de levar, seguir, así como a fluidez creativa do home para improvisar figuras se atopa limitada ou nula. O resultado é que estas parellas non poden bailar, xeralmente, con outras que non teñan as súas mesmas coreografías. A este tipo de baile adóitaselle chamar equívocamente "baile social" cando realmente é baile "pre competitivo", aínda cando moitas desas parellas nunca vaian competir na sua vida.
O baile de competición ten moitas vantaxes extrapolables ao baile social, pero que só serán apreciables cando chegas a niveis altos de certo refinamento competitivo, nos cales aprendes conceptos que teñen que ver co uso correcto do teu corpo, do espazo, conexións, os pesos, equilibrio, as rotacións...pero para iso poden pasar uns cantos anos. E cando tes máis dominio deses conceptos tes máis recursos técnicos para expresar mellor a tua COREOGRAFIA, ben nun teatro ou nun pavillón competindo, e por que non, en calquera festa ou discoteca. Eses recursos permítenche aprender logo con facilidade outras cousas e outros bailes. Isto é bo. Pero claro, o tempo é limitado...

Todos saben que, polas suas raíces, o baile de parella se basea en que exista un membro que leva (xeralmente o home) e outro que segue (xeralmente a muller). O papel do home no baile é moi importante e pouco valorado posto que, o final, quen se adoita lucir máis é a muller, e esa é un pouco a idea, que o home faga que a muller se luza. É certo que, xeralmente, cando empezamos a bailar o membro da parella que leva ten un progreso máis lento que o que segue e é porque ademais de aprender os pasos básicos debe aprender a marcar e a levar, así como pensar o que vai facer coa súa parella nos seguintes movementos. En cambio, a parella solo debe estar atenta a seguir, a cal tampouco é tarefa doada.
É por isto que aprender con coreografías resulta máis doado, rápido, vistoso e práctico, pero nada creativo e inútil se pretendemos bailar con outras parellas.

Como podemos ver, co baile podemos facer moitas cousas: divertirnos, expresarnos, exhibirnos, competir, ligar, facer exercicio... hai quen dicía mesmo que bailar é unha das mellores cousas que podes facer coa túa parella.

¿E que sucede co concepto de arte asociado ao baile?. Iso deixarémolo para outro artigo.

Por: Roberto Maquieira

No hay comentarios:

Publicar un comentario