Páginas

17/6/09

¿Qué é o proceso de Bolonia?


Os países europeos decididos a crear unha Unión Europea (UE) foron avanzando en diferentes ámbitos: libre circulación de mercadorías, libre circulación de persoas, libre circulación de capitais... Pero só se conseguiría unha verdadeira Unión Europea (UE) coa libre circulación do coñecemento, dos estudantes universitarios e os titulados universitarios.

Despois de varias reunións en Lisboa e París, os Ministros encargados da educación superior de 29 países europeos volveron reunirse en Bolonia o 19 de xuño de 1999, para celebrar unha nova conferencia, que finalizou coa chamada Declaración de Bolonia, onde se poñen as bases para a súa consecución.

A Declaración establece un prazo ata 2010 para a realización do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), con fases bienais de realización, cada unha das cales conclúe coa correspondente Conferencia Ministerial que revisa o conseguido e establece directrices para o futuro.

Na Declaración de Bolonia, establecéronse os seguintes obxectivos:

* Crear un sistema doadamente comparable dos sistemas educativos en Europa.
* Adoptar un sistema de estudios baseado en dous ciclos principais: Grao e postgrao, (composto por dous niveis: Máster e Doutorado)
* Establecer un sistema de créditos para medir o traballo, o estudio e as competencias, habilidades e destrezas dos estudantes que permita o recoñecemento dos estudios e a mobilidade entre universidades europeas.
* Asegurar a calidade das institucións de educación superior e as titulacións universitarias en Europa.
* Promover a mobilidade para que estudantes, profesores e persoal administrativo das universidades poidan estudar e traballar en calquera universidade europea.
* Fomentar a dimensión europea na educación superior con particular énfase no desenvolvemento curricular.

Na actualidade son 46 países, entre eles España, os que asinaron a Declaración de Bolonia.

A todos os cambios que se veñen realizando nas universidades destes 46 países é ao que chamamos Proceso de Bolonia.


Departamento de Orientación do IES de Poio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario